martes, 14 de outubro de 2014

A taxa de risco de pobreza disparouse en Galiza até o 22% entre nen@s e adolescentes

Un de cada catro galeg@s entre 16 e 24 anos está nesa situación, segundo a enquisa de condicións de vida das familias galegas do IGE.

Desde 2009 os índices e rexistros que amosan o proceso de depauperación da sociedade galega foron en constante aumento da man dunha crise que fulmina garantías e dereitos. A enquisa de condicións de vida das familias elaborada polo IGE (Instituto Galego de Estatística) achega unha radiografía sobre a evolución e estado da sociedade galega en múltiples eidos. Un deles, é o da taxa de risco de pobreza. Denomínase así á porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar de risco de pobreza de Galicia, que se establece no 60% da mediana de ingresos. Para un fogar composto por dous adultos, uns 880 euros.
Os últimos dados oficiais dispoñíbeis no IGE sinalan que a infancia e a mocidade don dous dos tramos máis afectados pola situación. Entre as e os menores de 15 anos, a taxa de risco de pobreza pasou ser en 2012 de 22,16 por cento. Tres anos antes non chegaban o 18,6 por cento. Entre 16 e 24 anos é o 23,3 por cento as persoas que están en taxa de risco de pobreza, cando en 2009 non sobrepasaba o 17%. Un aumento de máis do seis por cento en apenas tres anos.
O propio Instituto Nacional de Estatística (INE) recoñecía nun estudo presentado en maio do presente exercicio 2014 (e con dados de 2013) que o 38,5% das familias galegas non teñen capacidade para facer fronte a un gasto imprevisto, por cativo que este sexa. Un indicador da situación límite da economía familiar en moitos fogares. Aliás, o 16,6% dos fogares de Galiza din que chegan a final de mes con 'moita dificultade', un 20,6 por cento con 'dificultade' e un 34,6 % 'con certa dificultade'. Xa que logo, o 72,3 por cento dos fogares de Galiza recoñecen que chegar a final de mes cústalles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario