martes, 26 de agosto de 2014

O PP lamenta que a xustiza obstaculice os traslados de profesores

Os populares defenden a decisión de restaurar os concertos con colexios que segregan.

A indefinición sobre o futuro de varios centos de profesores interinos que esperan a que a xustiza se pronuncie sobre que prazas deben ocupar ou abandonar no curso que empeza en apenas unhas semanas preocupa ao PP galego. O seu voceiro de Educación no Parlamento, Román Rodríguez, lamentou onte que os "ritmos xurídicos e administrativos" avancen de forma "descompensada" e con "desaxustes" motivados porque, aínda que o curso escolar está ás portas, agosto é un mes inhábil nos xulgados.
A decisión da Consellería de Educación de valorar a antigüidade dos profesores interinos tanto como a dos funcionarios xa titulares de praza á hora de concorrer ao concurso de traslados aberto para o próximo curso provocou diversos recursos xudiciais. O Tribunal Supremo decidiu que a antigüidade como interino non pode ser computada como a dun funcionario, e un xulgado de Santiago anulou o concurso de traslados que a Xunta xa tiña en marcha. Agora está en mans do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidir como se aplican esas sentenzas ante o curso que está a punto de empezar. Así que á espera de que pase o mes de agosto e se retome a actividade nos xulgados, os profesores afectados viven coa indefinición de non saber onde darán clase en apenas unhas semanas.
Rodríguez lamentou a "incomodidade transitoria" dos afectados e recordou que, fronte á cifra de máis dun millar que ofrecen estes, Educación os cuantifica nuns 300. O deputado garantiu que os cambios que se poidan producir co curso xa iniciado non deixarán clases sen profesores e que a Xunta cubrirá todas as prazas vacantes. Pero será unha decisión, insistiu, que a consellería tomará cando a xustiza resolva.
O voceiro de Educación do PP tamén se referiu á decisión da Xunta de volver subvencionar con fondos públicos aos cinco colexios galegos que segregan os seus alumnos por sexo. Rodríguez defendeu que, tras a modificación da lei educativa, eses concertos, que foran anulados por sentenza xudicial, volven ser legais. Rodríguez recordou que o bipartito de PSOE e BNG "os financiou sen ningún tipo de problemas" e, segundo a súa argumentación, entra na liberdade das familias elixir unha modalidade ou outra de educación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario