martes, 19 de agosto de 2014

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación incrementa un ano máis os fondos públicos destinados á privada

Anxo Louzao: "É totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta nova privatización do ensino"
 
Este luns, 18 de agosto, a Consellaría publicou  no DOG unha orde pola que se modifican os concertos educativos con centros privados. A CIG-Ensino denuncia que, mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado segue a incrementar o número de unidades concertadas con centros privados, incrementando así os fondos públicos para financiar empresas privadas.
Esta Orde de modificación é produto tamén da LOMCE, promulgada co obxectivo de regularizar os concertos aos centros que segregan o alumnado por sexo (cinco centros ligados ao Opus Dei), algo que a CIG-Ensino segue considerando inadmisíbel polo que no seu día presentou recurso que finalmente gañou, ao estimar o Tribunal Supremo que non se podían subvencionar con cargo a fondos públicos este tipo de centros. A CIG-Ensino rexeita que unha educación que perpetúa as desigualdades entre mulleres e homes non poida ser sostida con fondos públicos e por iso denunciou, desde o primeiro, día, que a LOMCE era, entre outras cuestións, un subterfuxio para perpetuar un ensino degradante e sexista e que ademais esta desigualdade fose pagada por todas e todos co diñeiro extraído dos impostos que pagamos.
A Consellaría vén recorrendo ao mes de agosto, para facer o preceptivo anuncio público no DOG destes concertos ou as súas modificacións, co obxecto de que pasen desapercibidos ao conxunto da sociedade. Mentres no ensino público se incrementan a impartición de afíns e as itinerancias, resultado dos recortes en dotación de profesorado nos centros e da diminución de unidades, a Consellaría incrementa o número de unidades concertadas, ampliando agora os concertos á FP Básica e á Formación en centros de traballo, que é onde xustamente se producen o maior número de incrementos.
A orde publicada hoxe recolle un incremento neto de 58 unidades concertadas máis ca en 2013-2014, pois aínda que se suprimen concertos en 21 unidades (de Infantil, Primaria, ESO e FP) son 79 as unidades que se incrementan en Educación Primaria, ESO, FP, PCPI, e sobre todo (53 unidades) en Formación Profesional Básica e Formación en Centros de traballo.
Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino manifestou que "é totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta nova privatización do ensino. Desde a CIG-Ensino denunciamos esta intención permanente desta Consellaría en desprestixiar o ensino público e favorecer o privado".

Ningún comentario:

Publicar un comentario