xoves, 23 de maio de 2013

"De ratos e nenos", vídeo-protesta dun colexio contra o repago no comedor

Cando van comezar as vacacións, moitas familias saben que o curso que vén será aínda máis costa arriba no comezo escolar. Os comedores escolares deixarán de ser gratuítos e en sinal de protesta, a ANPA do colexio San Sadurniño está a difundir “De ratos e nenos”, o vídeo co que manifestan a inxustiza da medida. Video no interior. 


É o propio alumnado o que protagoniza o vídeo producido pola ANPA do colexio de San Sadurniño co fin de protestar polo repago nos comedores escolares. Ata 4,5 euros diarios terán que abonar as familias para que as criaturas podan comer na escola e non teñan que coller o autobús de regreso as súas casas co estómago baleiro.”Un custe demasiado elevado para moitos pais e nais que hoxe manteñen un fogar con axudas mínimas... ou incluso sen elas” din na presentación do video-protesta no que se recrea a conversa de tres cativos desde unha xanela do propio comedor desde a que poden ver ao resto do alumnado xantando nas súas mesas. 
Todas as crianzas comen menos as  tres que miran pola xanela que encetan unha conversa na que tentan explicarse que é o que está a pasar. "Teño tanta fame que mesmo podería comer un amigo" di un dos tres cativos que non entende as razóns de ter que agardar o bus para ir xantar a casa. Saben que agora toca comer tarde de máis. "As cinco e eu a esa hora xa merendo" comentan nunha conversa na que os pequenos tamén se preguntan por que no colexio non se poden levar fiambreiras. "Polo perigo de intoxicación" recibe como resposta. "Intoxicarse como os ratos?" repregunta. "Polo menos os ratos comen á hora e sen ter que pagar". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario