mércores, 29 de maio de 2013

Camiñatas, accións na rúa e 'queimar' a LOMCE nas cacharelas: Galiza rexeita a lei de Wert

A Plataforma galega en defensa do ensino público presentou esta terza feira un calendario de mobilizacións en contra da lei que recibiu o visto e prace no Consello de ministr@s do 17 de Maio e batizada como 'de mellora da calidade educativa'

 Após o "éxito rotundo" da greve xeral no ensino convocada o 9 de maio, con manifestacións en todo o País das cales fixeron parte por volta de 40.000 persoas, toca seguir revolvéndose en contra dunha norma que, tal e como a definiu Anxo Louzao, responsábel da CIG-Ensino e que falou en representación do profesorado, "pretende unha españolización absoluta do sistema educativo e evidencia que o poder executivo que reside no Consello de Ministros cambiou de lugar e está na Conferencia Episcopal e na patronal do ensino privado".
Como voceiro das familias tomou a palabra Fernando Lacaci, presidente da federación de Anpas de Compostela, cualificou a lei do ministerio de Educación como "unha lei de parte e de partido que nace sen o consenso demandado desde hai décadas" á hora de acometer unha reforma educativa. O papel que as nai e pais de alumn@s nos consellos escolares "desaparece", dixo, e acrecentou que namentres a relixión "en lugar de desaparecer pasa a ser unha materia con efecto chamada", con repercusión no expediente académico e que conta para a obtención dunha bolsa de estudos.
Por derradeiro, Víctor Giadás, integrante da Liga estudantil, lembrou que a LOMCE non conta tampouco co apoio do alumnado e tildouna de "involucionista". Todos os colectivos que fan parte da Plataforma (para alén dos xa citados estarían Comités, Federación provincial de Anpas de Lugo, Federación de Anpas da Costa da Morte, Federación de Anpas de Ferrolterra, AS-PG, Movemento Dezao en defensa do ensino público, Sindicato de Estudantes, BNG e Galiza Nova) fixeron un chamado ás mobilizacións cuxo calendario se reproduce deseguido:
  • 30 de maio ás 11.30h en San Caetano => entrega dun escrito no cal se insta ao conselleiro de Educación a que, ao igual que farán os gobernos vasco e catalá, presione en Madrid para a non aprobación da LOMCE
     
  • 5 de xuño ás 11.30h en San Caetano => concentración diante da consellaría de Educación. Simulación de apertura dun expediente disciplinario ao ministro Wert, habida conta do seu 'maltrato' ao ensino público, mediante o cal 'será expulsado' do sistema educativo
     
  • 13 de xuño ás 19h a 20h nas comarcas de todo o País => acto contra a LOMCE que consistirá na leitura de textos, así como actuacións musicais
     
  • Último claustro do curso => a Plataforma instará aos centros educativos para que saquen unha resolución en contra da LOMCE e dos recortes no ensino público
     
  • Mocións nos concellos => solicitaráselles aos grupos da oposición dos diferentes concellos da Galiza que demanden, nos respectivos plenos municipais, a aprobación dun texto solicitando a non aprobación da lei e que se lle faga chegar ao conselleiro de Educación
     
  • Cacharelas => transmitiremos as nosas reivindicacións ás diferentes vilas, cidades e aldeas, co fin de que nas cacharelas do País 'queimen' a LOMCE
     
  • Coincidindo co debate parlamentario da norma => levarase a cabo unha Marcha a Compostela dende diferentes localidades e comarcas do país, percorrendo a pé os últimos quilómetros, cando menos, dende as catro estradas máis importantes de acceso a Compostela (Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña).

Ningún comentario:

Publicar un comentario