martes, 7 de xuño de 2011

Un novo blog gratuíto centraliza a descarga de libros sobre o galego

A páxina recolle, polo momento, un total de 116 obras de investigadores do país sobre a lingua
Galegobook (http://galegobook.blogspot.com) é un novo blog que busca centralizar a descarga gratuíta de libros electrónicos sobre a lingua galega espallados pola rede co obxectivo de ofrecer unha nova ferramenta dixital para os usuarios e os investigadores. O portal preséntase como “un proxecto sen
ánimo de lucro” que pretende ser un espazo onde, ademais de ofrecer as descargas de balde, publicar e compartir e conversar “sobre un grande números de libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego”. Dese xeito, o portal permite acceder a manuais de lingua, gramática, fonética, sociolingüística,
termoloxía e documentos históricos de reivindicación do galego.
O blog, que adopta o formato dun perfil de Facebook, reúne todos os enlaces de diversas institucións, entidade e medios galegos que permiten descargas os títulos de forma gratuíta.
Dese xeito, Galegobook recolle os títulos que están nas mediatecas de institucións como o Consello da Cultura Galega (CCG), o Concello de Santiago, a Confederación de Empresarios de Galicia, o Centro Ramón Piñeiro, o Observatorio da Lingua Galega, das tres universidades galegas ou de diversos
Servizos de Normalización Lingüística. Con esta colleita de ligazóns, esta web ofrece un punto de encontro e de referencia para atopar os distintos estudos que se publicaron sobre a lingua e que se atopan dispersos pola rede adiante.
UNHA FERRAMENTA EN PROBAS
Galegobook, que ademais de adoptar o aspecto de Facebook conta xa cun perfil na famosa rede social, atópase na actualidade en construción. Malia esa situación, os seus responsables xa reuniron máis de 100 obras para que os seus usuarios as poidan descargar de balde. Ademais de ofrecer este servizo de acceso a títulos dixitais, a páxina web ten a intención de ir medrando no futuro e converterse nun foro aberto. Para iso, irá incluíndo todos os artigos  xornalísticos sobre a lingua que vaian aparecendo nos medios galegos. Deste xeito, os usuarios terán a oportunidade de escribir os seus comentarios ao respecto do que vaia saíndo en prensa sobre a situación lingüística de Galicia. Polo momento, Galegobook estase a centrar principalmente
en aglutinar un gran número de títulos e clasificalos por temáticas e autores. Deste modo, na actualidade conta con 116 títulos de 97 autores diferentes. Ademais, inclúese un índice temático que permite a calquera usuario poder facer unha busca rápida á hora de atopar os documentos.
Entre os textos que se poden atopar, destacan documentos históricos como a Denuncia diante da Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol. Este documento, elaborado en 1954, preséntase nunha versión trilingüe (francés, galego e español). O texto foi editado en Bos Aires e pretendía servir de denuncia ante a persecución lingüística do réxime de Franco.
Unha das últimas incorporacións é o texto Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas, cuxa autoría é de Lluis V. Aracil, Francisco Rodríguez, Ricardo Carvalho Calero, Pilar Vázquez Cuesta e a colaboradora de Xornal Pilar García Negro. Trátase dunha obra que editou Xistral o 15 de marzo de 1980, véspera da celebración da marcha sobre o Foxo (A Estrada) baixo o lema Polo uso irrenunciábel
do noso idioma, contra o decreto do bilingüismo. O libro foi editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG)
No índice de autores que dispón a web atópanse académicos como Henrique Monteagudo, Xosé Luís Regueira, Rosario Álvarez, Antón Santamarina ou Francisco Fernández Rei, investigadores como Carme Hermida ou Anxo Lorenzo, (actual secretario xeral de Política Lingüística) ou escritores como Agustín Fernández Paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario