mércores, 5 de agosto de 2015

Cando as crianzas son instrumentos e vítimas da violencia machista

Na última década 44 menores foron asasinad@s polo machismo no Estado español, 26 durante o réxime de visitas.

Hai un ano o Comité para a eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres das Nacións Unidas condenou o Estado español por neglixencia no marco do caso presentado por Ángela González, a nai dunha crianza asasinada polo seu ex-compañeiro. O crime fora cometido en 2003 durante o réxime de visitas que lle fora concedido ao pai, que contaba coa custodia compartida, embora fora denunciado até en 30 ocasións por violencia machista.
Após 11 anos de longa batalla xudicial no Estado español, onde non foi escoitada, Rodríguez acudíu á organización internacional quen condenou o Reino de España a indemnizar a denunciante mais tamén a introducir mudanzas no seu ordenamento xurídico para garantir que os antecedentes por violencia machista sexan tidos en conta nos procesos de custodia.
O caso de Ángela Rodríguez non é illado. Na última década 44 crianzas foron asasinadas pola violencia machista. De entre elas, 26 fórono en réxime de visitas, segundo recollen os dados fornecidos pola Federación de Asociacións de Mulleres Separadas e Divorciadas. Aliás, 3 foron asasinadas estando a nai presente.
"Non deberían ver os fillos" mais cando as denuncias por violencia machista "chegan aos xulgados é moi habitual" que se lles concedan "visitas, quer vixiadas quer sen vixianza", explica Rosa Fontaíña
Segundo @s profesionais, trátase dunha violencia instrumental que emprega as crianzas para danar as mulleres. Mais tamén son "vítimas directas" sinala Rosa Fontaíña desde a Rede veciñal contra os malostratos de Vigo en conversa con Sermos Galiza.
Vítimas directas
"Estas personaxes", explica en relación aos maltratadores, "non deberían ver os fillos" mais cando as denuncias por violencia machista "chegan aos xulgados é moi habitual" que se lles concedan "visitas, quer vixiadas quer sen vixianza", acrecenta. E, nese senso, "úsanos para meter guerra" e "acaban agredindo as nais influídos" polo home.
Fontaíña lembra o caso dunha nena de 4 anos. "Volveu de estar co pai e a nai tremeu cando lle escoitou dicir 'non me toques que eu non sabía que eras unha puta'. Isto é tremendo", sinala. "Hai mulleres que están a renunciar á manutención para ver se desisten de ver os fillos".
"Reclamamos no Parlamento que porfavor non se lles concedan visitas aos delincuentes", denuncia mentres recoñece que non se está a facer nada ao respeito. "A culpa é de fiscais, de xuíces e do goberno que non toma medidas".
"Usan os fillos para meter guerra e acaban agredindo as nais influídos"
Mais non só as crianzas son instrumentos da violencia contra as mulleres, senón tamén "vítimas directas" desta embora a lexislación vixente non as recoñeza como tal. "Coñecemos o caso dun maltratador que agredía a muller, a filla e a sogra. Contaba cunha orde de afastamento da muller mais a filla non se consideraba vítima directa malia as palizas que lle daba, mesmo fotografamos as magulladuras". "Esta lei ten todos os baleiros do mundo en canto ás fillas e fillos", explica Fontaíña. "É unha senrazón".
Neste senso, o Consello de Ministros español aprobou en febreiro deste ano a Lei de Protección da Infancia na que se recoñece como "vítimas directas" da violencia machista @s fill@s menores de idade prevendo que poidan ficar coas nais en procesos xudiciais por violencia de xénero. Através da modificación do artigo 1 da Lei para o tratamento integral da violencia contra as mulleres sinálase a obriga da xustiza de se pronunciar sobre medidas cautelares que atinxan @s menores e prevese que estas crianzas "poidan permanecer coas súas nais", sinala o texto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario