INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
venres, 13 de xullo de 2012
Recollida de sinaturas para usar Twitter en galego
Vén de poñerse en marcha unha iniciativa de recollida de sinaturas en change.org, para pedir Twitter en galego xa. Comezou este martes e achégase xa ao milleiro de apoios. O obxectivo é acadar un apoio semellante ao que conseguiu a iniciativa catalá, para así presionar á empresa para que admita o galego como lingua para o seu servizo de traducións: "Se logramos superar as 7.300 firmas acadadas a prol dun twitter en catalán, esta empresa non poderá dicir que non a un twitter en galego".
A campaña por un twitter en galego, con todo, vén de máis atrás. Máis ou menos cando a empresa comezou a falar da posibilidade de abrir o seu servizo a outras linguas, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de "activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego facendo ver o peso que ten esta lingua no seu sistema e que hai un certo interese en dispoñer desta funcionalidade, ademais de demostrar a dispoñibilidade dos usuarios para enfrontarse a unha tradución conxunta do sistema".
Nestes meses conseguiuse que #twitterengalego fose TT a nivel estatal, e forxouse unha certa sensación de comunidade, ademais de quedar claro que existían mans e cerebros dispostos a traballar nas traducións: o proxecto creado en GalegoLab reuniu moi rapidamente as 130 horas de traballo voluntario que se calcula que serían necesarias. A conta da iniciativa conta con case doce mil seguidores e seguidoras, e os seus impulsores salientan que "Twitter en galego son todas aquelas persoas que reivindican unha rede social en galego, traballan día a día, achegando ideas e melloras, e axudan a difusión da súa mensaxe na mesma lingua. Porque cada "tuit" que sexa en galego contribúe un chisco máis a crear unha normalización do galego nas redes sociais".
Máis información en Praza Pública.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario