martes, 13 de decembro de 2011

Unha tradución ao galego gaña por primeira vez o premio da Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos

Tiveron que transcorrer 25 anos, o cuarto de século que ten de existencia o galardón, para que a Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos (AEDEAN) optase por conceder o Premio Nacional á Mellor Tradución 2011 a unha obra escrita nunha lingua do Estado distinta do español. Esta entidade nunca outorgara o seu premio nacional a unha tradución nunha lingua que non fose o español, unha liña que agora acaba de quebrarse coa concesión do galardón á versión galega do clásico da literatura medieval inglesa Beowulf, realizada polo profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo, e especialista en literatura medieval, Jorge Luis Bueno.
Desde a posta en marcha do Premio Nacional a la Mejor Traducción hai 25 anos, foi preciso que transcorreran varias edicións e un intenso debate no seo da asociación para que as linguas cooficiais do Estado se engadiran ao castelán, que inicialmente era a única contemplada no galardón. Tendo en conta que a cantidade de obras traducidas do inglés ao castelán é moi elevada e que a estas hai que lles sumar as presentadas nas restantes linguas cooficiais do estado, Jorge L. Bueno aclara que “por iso o premio ten moito valor. Sempre pensei que sería unha tradución ao catalán a primeira que gañaría o premio; por iso que a primeira lingua cooficial gañadora sexa o galego, e un clásico traducido do inglés antigo, éncheme de orgullo”.

Máis información en:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=5460&Itemid=2

Ningún comentario:

Publicar un comentario