luns, 3 de outubro de 2011

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha guía de conduta para vivirmos en galego


A editorial Xerais publicou este verán un interesante libro para as persoas defensoras da nosa lingua. Trátase da obra de Carlos Callón Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. O autor defínea como unha guía de conduta para vivir na nosa lingua e defendela co uso. Tras unha parte introdutoria na que se dan pautas para superar as eivas psicolóxicas que nos impiden empregar con naturalidade a nosa lingua, o libro estrutúrase en capítulos dedicados a diferentes sectores (administracións públicas, ensino, consumo, etc.) nos que podemos exercer tranquilamente os nosos dereitos como falantes de galego. Inclúe, ademais, un anexo con diversos modelos de solicitudes para reivindicar os nosos dereitos lingüísticos.
O libro acaba de comezar o percorrido de presentacións por toda Galicia. Estivo inicialmente no Festigal, e despois en diversas localidades como Lalín, Carballo, Pontedeume ou Ponteceso; e o vindeiro 5 de outubro presentarase de novo en Santiago de Compostela. Será ás 20:30 horas no restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro, 16), e contará coa presenza de Francisco Rodríguez, Ramón Mariño Paz, Noelia Fernández Sánchez, Manuel Bragado e Carlos Callón.
Máis información en:
http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=1940

Ningún comentario:

Publicar un comentario